Arquivo para 24/08/2010

Bilbau, ¡Riau riau!

Publicado: 24/08/2010 en Noruega-Galicia

OOOOOla. Escribo estas liñas desde Basurto, un bairro de Bilbao. Xa estamos en España (ou Euskal Herria, para que non se enfade Mari). En calquera caso, nós sentímonos como na casa (ceamos pulpiño e todo). Tanto, que se me antolla redactar o post de hoxe en galego.

Deixádeme poñer a ikurriña, para alegrarlle o día a Mari (con qué pouco se fai feliz á xente 🙂 ):

Foi emocionante atravesar a “muga” (fronteira entre Iparralde e Egoalde, hispano-francesa) despois de SEIS SEMANAS fóra da casa. Si señor… mañá fai seis semanazas que puxemos rodas fóra de España. Estamos FARTOS. Vou ser franco convosco. Non é tanto a viaxe ou a condución do coche (que a min me encanta; volvería marchar agora mesmo, honradamente…) É máis ben o cansancio de durmir cada día nun sitio diferente, buscalo, descargar o coche, instalarse, situarse, facer a compra, cociñar, lavar a roupa, buscar a oficina de información turística, etc etc para o día seguinte volver cargar o coche para volver marchar e volver a empezar noutro sitio…

Onte estivemos o día por París. Como os meus curmáns traballaban, as rapazas marcharon ao centro de París entanto eu marchei á piscina nadar un par de horas. Vivín outra odisea para atopar piscina aberta (desas odiseas ás que xa vou estando afeito… por que non terán no estranxeiro horarios de piscina “normais” como en Jalisia?) Despois de recoller ás nenas co coche nos Campos Elíseos, demos unha volta ao Arco do Triúnfo (case me levan o coche por diante; os parisinos circulan como se estivesen no Far West), subimos á Basílica do Sagrado Corazón, dar unha voltiña. Había un ambiente estupendísimo por París; déronme ganas de quedar uns días máis… Pero logo me deu o ataque de morriña. E a dor de lombo logo me lembrou que canto antes me baixe do coche, mellor.

Hoxe fixemos o traxecto París – Bilbao. Algo máis de 900 kilómetros. Arestora levamos exactamente a frioleira de 11.500 kilómetros desde que saímos.

A cousa toca ao seu fin. Acábame de chamar por teléfono Alejandro para me dicir que chegou ben a Galicia (lembrade que o deixamos hai catro días en Ámsterdam). Está desexando que quedemos para recuperar as súas maletas. Estes días soubo de nós por este blogue do que el foi protagonista canda nós durante case toda a viaxe… Paradoxas da vida…

Mañá imos facer a última etapa da nosa aventura: Bilbao-A Coruña. F. protesta porque ela aínda ten que coller o seu coche (que quedou na miña casa) e marchar para Cangas, así que aínda ten unha tiradiña máis. Prometo escribirvos unha última entrada mañá ou pasado para rematar este blogue e incluír, se cadra, algúns datos de interese por se alguén se anima a visitar Noruega.

Ata mañá, logo. Apertas!!!

Evaristo o Listo.